03 MAR 2019

"Que Deus ten a súa morada con nós simbolízase de xeito singular na neste edificio" (Don Alfonso Carrasco, bispo de Lugo)

Señor Conselleiro de Cultura e Turismo, señor Alcalde, señora secretaria xeral, concelleiros e concelleiras do Concello de Lalín, párroco, seminaristas, irmáns e irmás (que, ao final, e ben mirado, este último, «irmáns e irmás», é o título máis importante):
Neste día rematamos, e celebramos, unha grande restauración desta igrexa. Foi e é mérito de moitos: sen dúbida algunha da Consellería de Cultura e do seu conselleiro Román Rodríguez, dos sacerdotes e, nel, de toda a comunidade. O sacerdote está onde está a comunidade e sen un non existe a outra e viceversa. Así que os méritos do párroco son da parroquia e os méritos da parroquia son tamén do párroco.
Por tanto hoxe damos as grazas particularmente a tódolos que colaboraron nesta restauración e é xusto darlle as grazas á Xunta de Galicia na persoa do seu conselleiro. Tamén agradecer a boa vontade e a adicación de tódolos que traballaron nisto. Nótase que se traballou con profesionalidade pero tamén, vese, que con moito cariño e coidado. E iso é algo que hai que agradecer e que non podemos dar por descontado.
Como vos dicía, é un día de agradecemento onde resoa especialmente o título de «irmáns e irmás». Cando fixemos a primeira oración diciamos: «sabemos que Ti habitas nos corazóns rectos e xenerosos, pedímosche que poidas ter sempre en nós a túa morada». Esta é hoxe a mellor petición posible.
Ter a súa morada con nós simbolízase de xeito singular na igrexa, neste edificio. Ela é símbolo de que Deus veu, fíxose home no seo de María, morreu na cruz por nós e resucitou para estar na Eucaristía na igrexa de cada parroquia. Aquí, na igrexa, podes atoparte con Deus, podes ser perdoado e recibilo sacramentalmente. E isto é unha ledicia grande que cambia a perspectiva, que nos fai felices.
«Feliz aquel que puxo a súa confianza en Deus», dicía a Primeira Lectura. Para poñer a confianza en Deus é preciso poder dicir que existe, que te escoita. Para poñer a confianza en Deus é preciso recoñecer que nacín aquí, en Lalín e que, a pesar de significar moi pouco entre os millóns dos homes e mulleres que forman a humanidade, son escoitado. Deus é tan grande que me pode escoitar a min, tan pequeno. Esta é a nosa fe.
A nosa fe non remata porque alguén te aprecie ou te desprece, porque sexas escoitado ou non… a nosa fe permanece na seguridade de que Deus está con nós. E así, aínda no sufrimento, un mantén a esperanza. A nosa posición no mundo cambia completamente ao saber isto: que El nos escoita, ao saber que El está con nós.
E non só o edificio, que é signo e instrumento, senón en nós mesmos. Onde Deus ten que facer a súa morada é no seu pobo, nos nosos corazóns. Deus só pode habitar nun pobo. Deus non habita nun só, e se habita nun só é para axudar a moitos, como no caso de Xesucristo: habitou nel de xeito tan extraordinario que puido axudar a moitos.
Eu quixese que na memoria deste día permaneza a seguridade de que Deus quere habitar en nós e que oxalá que El poida facer a súa morada nos nosos corazóns. Que poidamos ser un pobo seu no cal El teña a súa morada. E así o Señor faranos felices.
O Evanxeo era hoxe un anuncio de felicidade. Nas Benaventuranzas queda constancia de que aínda que choremos, aínda sendo perseguidos, haberá un punto de felicidade no fondo de tódalas cousas porque Deus nos axudará sempre estando ao noso carón. Se quedas sen El, hoxe rirás pero os motivos da risa rematarán; hoxe estarás contento pero todo se acabará. Ao final, ¿en que te apoias? ¿a onde vas? Por iso, «ai de vós». Ai de nós se non temos desexo de máis, se nos enganamos pensando que xa estamos saciados, que xa non precisamos nada. Se non cremos en Deus, se non desexamos máis, somos, en verdade, uns desgraciados.
Pidamos hoxe que esta restauración nos sirva para lembrar que temos a nosa confianza en Deus e que somos, por El, irmáns e irmás. Que nos sirva para considerar que somos membros dun pobo, dunha familia, enraizados nunha solidariedade e nunha fraternidade moi profundas que non dependen das forzas deste mundo. Cando recemos os uns polos outros construiremos un mundo novo e mellor, unha vida con perspectivas de felicidade. Pidamos que non deixe de habitar en nós, que nos reunamos nesta igrexa ou en calquera outra. O máis importante, ao final, é que poidamos seguir sendo familia, axudándonos uns a outros, como irmáns, cumprindo o mandamento principal de amar a Deus e amar ao próximo.