A igrexa de Lalín cumpre cen anos
Ás 12 horas do próximo martes 19 o bispo da nosa diocese Monseñor Alfonso Carrasco presidirá a Eucaristía de acción de grazas a Deus polos cen anos de historia da igrexa parroquial de Lalín.
Segundo conta o historiador Antonio Vidal Neira no seu blog Historia de Deza, as obras para a construcción do novo templo de Lalín comezaron en maio de 1903. Esta edificación rematouse 16 anos despois e inaugurouse e bendiciuse solemnemente o 19 de marzo de 1919.
Beato Manuel Basulto, bispo de Lugo dende 1909 ata 1919
Naquel día o bispo de Lugo, o Beato Manuel Basulto, presideu a Misa de Pontifical. Estivo acompañado polo párroco de Lalín don José María López Castro, o coengo e antigo cura da capital do Deza don Ventura Cañizares del Rey, o tamén coengo e reitor do Seminario Diocesano don Teolindo Gallego, o párroco de Bendoiro, que foi o que predicou, don Gregorio Saavedra Ascariz, o xornalista e sacerdote mestre de cerimonias don Antonio Cedrón Grandas e os arciprestes de Deza, Camba e Dozón entre outros.
O novo templo estaba marabillosamente adornado: feixes de mirtos salpicados de semprevivas e caprichosas coroas de ramos artificiais tapizaban as paredes do templo; magnificas arañas pendían dos teitumes e o altar maior parecía unha ascua de lume; sobre unha escalinata ou bancada cuberta de valiosos candelabros con profusión de luces e elegantes vasos de flores, destacábase a artística e grandiosa imaxe do Sacro Corazón de Xesús.
A imaxe do Corazón de Xesús da que falan as crónicas foi encargada para esta igrexa polo sacerdote matemático e astrónomo don Ramón María Aller Ulloa. A figura, de tamaño natural, é obra de José Rivas Rodríguez, autor da Dolorosa situada tamén no retablo maior. Este imaxineiro, que aprendeu da obra de artistas como Mateo de Prado ou Gregorio Fernández, tiña un grande prestixio nos inicios do século XX.
«CEN ANOS NO CORAZÓN»
A misión de toda parroquia é ser a vida que brota do Corazón de Xesús, a manifestación dun pobo que ten unha identidade concreta: «a dignidade e a liberdade dos fillos de Deus en cuxos corazóns habita o Espírito Santo como nun templo» (LG, 9).
O lema escollido para este ano, «cen anos no corazón», tráenos á memoria a necesidade da que falaba o papa Benedicto XVI. «Cando un se detén en silencio -dicía o Papa emérito- precisa sentir non só o latexar do seu propio corazón senón, de xeito máis fondo, o latexar dunha presenza confiable que se poida percibir cos sentidos da fe e que, con todo, é moito máis real: a presenza de Cristo, corazón do mundo».
Logo centenario bendición da igrexa de Lalín
«O corazón fala ao corazón», como dicía o lema do beato cardenal Newman. Por isto, polo centenario da consagración de España e por ser o Sagrado Corazón de Xesús o copatrono de Lalín un corazón é a imaxe representativa deste ano. Dúas cores o forman: a vermella e a dourada. A primeira é unha lembranza do sangue dos mártires, semente de cristiáns, que ao longo dos séculos deron testemuño da súa fe en Cristo. A segunda, dourada, a cor da fidelidad, é a que utiliza a nosa Diocese de Lugo, da que somos parte, no seu propio logotipo.
A luz que sae do corazón, representada nos rais, son «as grazas que brotan do Corazón aberto de Xesús, a fonte de Misericordia, que invaden á humanidade enteira» (Santa Faustina Kowalska). Con eles rememoramos tamén ese mandado de Xesús aos seus discípulos: «vós sodes a luz do mundo. Non se pode ocultar unha cidade posta no alto dun monte. Tampouco se acende unha lámpada para metela debaixo da artesa, senón para poñela no candeeiro e que alume a todos os da casa.
Brille así a vosa luz ante os homes, para que vexan as vosas boas obras e dean gloria ao voso Pai que está nos ceos» (Mt 5, 14-16)