24 DIC 2018

Bo Nadal!

Celebramos nestas datas o Misterio do Nadal, a festa do Deus "empequenecido" na humanidade, capaz de ser apertado, bicado, “comprendido”.
E celebrámolo na familia, no fogar, ese lugar onde ti mais eu podemos ser o que somos sen medo a xuízos ou incomprensións, sen enmascarar as nosas miserias, con "dereito" a equivocarnos.
¡Fermosas datas onde a luz ilumina a esta humanidade que por veces parece de trapo!
Deixemos que os nosos corazóns se abranden neste Nadal pola presenza do Amor dos amores. Retiremos o pó que teñamos na nosa fe e voltemos á nosa infancia (tamén espiritual) na que Xesús tiña un bo oco no pesebre do noso día a día.
Enxendremos coa forza do Espírito Santo, como a Virxe María, a luz que precisamos: a luz que ilumine a nosa intelixencia e nos libere dos nosos pecados, manías e miserias, a luz que fortaleza a vontade, o coraxe e o desexo de loitar por enriba das desgrazas e desatinos, a luz que nos permita recoñecer con ledicia o que somos sen enganarnos nin a nós mesmos, a luz que nos dea a capacidade de esperar, ás veces contra toda esperanza, a luz que nos conceda a graza de ser a paz de cada xornada. Enxendremos á Luz, Xesucristo.
Estamos de festa! Que a tenrura de Deus inunde as nosas casas, a nosa terra, ás nosas xentes; e ilumine a nosa existencia.
Bo Nadal! Ditosa Noiteboa!
-Marcos Torres, sacerdote-
"Ao principio existía a Palabra e a Palabra estaba xunto a Deus e a Palabra era Deus. Ao principio estaba xunto a Deus. Todas as cousas foron feitas por medio da Palabra e sen ela non se fixo nada de todo o que existe. Nela estaba a vida, e a vida era a luz dos homes. A luz brila nas tebras e as tebras non a percibiron. A Palabra era a luz verdadeira que, ao vir a este mundo, ilumina a todo home." (Xn 1, 1-9)