"Cada vez que vexamos a igrexa lembremos que non estamos sós" (Bispo de Lugo)
Queridos irmáns e irmás, alcalde, concelleiros e autoridades civís, querido párroco e demáis irmáns sacerdotes, seminaristas maiores:
Estamos hoxe xuntos aquí no día de San Xosé celebrando os cen anos da inauguración deste templo parroquial. O 19 de marzo de 1919 era tamén o día de San Xosé, coma hoxe. Por iso é preciso que reparemos un instante neste grande santo.
San Xosé é patrón e protector da Igrexa como foi tamén o protector da Casa de Nazaret; Deus non quixo deixar a esa familia sen aquel que fixese as funcións de pai. San Xosé é así ímbolo da Igrexa: coidadora de todos nós.
San Xosé é tamén un grande intercesor. Despois da Virxe María, non hai maior intercesor que San Xosé. Xesús, Noso Señor, como non lle vai facer caso a aquel que foi, dalgún xeito, quen o coidou nesta terra?
San Xosé é o patrono da boa morte. Quen puidera morrer coma el! Tendo ao teu carón á Virxe María e a Xesús que estiveron ao seu carón cando el morreu.
San Xosé era un home dunha fe moi grande que tiña moi bo sentido. Había que ter un bo sentido para estar coa Muller máis extraordinaria da humanidade. Xosé acertaba moi ben coa súa prometida.
San Xosé era tamén un home moi bo. En ningún caso lle quixo facer dano algún á Virxe María aínda que el pensara un intre que o abandonara. El estaba namorado da Virxe e como ela tiña unha vocación moi singular era xusto que a él se lle dera un lugar e unha graza importante. Foi moi grande.
E San Xosé é símbolo do que Deus lle pode dar ao ser humano. A grandeza de cada home e de cada muller só Deus a coñece, nós non podemos, pero estamos certos que a persoa pode ser moi grande. Xosé foi grande porque fixo as cousas ben. É un grande patrón a quen lle podes confiar, a quen lle podes pedir que te protexa e que te axude.
San Xosé non foi «moi visto» no seu tempo porque ao final os bens que veñen de Deus non se ven con facilidade. Pero son dados para facer grandes ás persoas, grandes de verdade. Pode que non sexa moi visible, iso depende do que Deus queira, pero si grande. E pode brilar moitisimo a quen ninguén ve. E así debemos pensar agora.
Nestes cen anos, cantas persoas foron aquí bautizadas? Cantas casaron? Cantas foron encomendadas a Deus? E non todas vistas neses intres. Nós temos a esperanza de volver velos cheos de vida, espléndidos, na gloria de Deus. Esperanza que se fai non á forza senón con fe e con sentido, sabendo querer, coma San Xosé. Cen anos de bautizos, de matrimonios, de funerais. Cen anos de familia, de pregarias, de perdón. Cen anos de Eucaristía e de presenza singular no corazón deste pobo. E todo está nas mans do Pai e El quere que nada diso se perda. Nada do bo se perde.
Esta igrexa mirou a Lalín un ano despois da Primeira Guerra Mundial, viveu unha Segunda, unha Guerra en España… pasou todo e as vidas dos homes e das mulleres foron facéndose en verdade e xustiza. É unha esperanza mirar á igrexa e pensar: pasan os anos, acontecen cousas pero o que está nas mans de Deus non se perde. Así que non teñamos medo: se El nos pode salvar, salvaranos, se nos deixamos axudar, axudaranos. Esta igrexa é manifestación desta esperanza.
Quería rematar lembrando que non só celebramos cen anos dun edificio, celebramos cen anos do Lalín que o fixo, cen anos das xentes que por aquí pasaron, cen anos de quen lle deu vida.
E facémolo porque estamos convencidos de que aquí habita Noso Señor. Cen anos de presenza de Deus no corazón deste gran pobo. Esta igrexa ten hoxe os seus ollos postos en tódolos que viven en Lalín, está aquí, así que non estamos sós! Vivamos con toda confianza, manteñamos a porta desta igrexa aberta, que aquí poida entrar un pequeno e unha persoa maior, un con boa saúde e un enfermo. Que ninguén en Lalín se sinta abandonado.
Pidamos a Deus nos dea a graza de entender isto e vivilo. Se nós non estamos sós, non deixaremos estar aos demais sos. Que este templo siga sendo a nosa casa onde nos sintamos sempre coma irmáns. E que cada vez que o vexamos o lembremos: non estou só, non estás só.