Carta nas festas patronais de Lalín
Querida comunidade parroquial, veciños e veciñas de Lalín:
Rematado o tempo de verán celebrarmos con gozo as festas patronais deste pobo que, dende a creación da parroquia, honra á súa patrona e protectora, a Santísima Virxe María baixo a advocación de Nosa Señora das Dores.
Ao escribir hoxe isto, manifesto a miña gratitude a Deus por cada persoa que habita neste lugar; unha gratitude fonda e sincera polas xentes de Lalín que nacen, medran e constrúen este fermoso cerne de Galicia, orgulloso de seu e posuidor dunha fe grande que resoa con forza na historia pasada e presente. E a esa gratitude a Deus por todos e cada un dos lalinenses, crentes e non, sumo o meu agradecemento pola Igrexa, da que formo parte e á que podo servir, como pastor, hoxe aquí.
Estamos a celebrar as nosas festas patronais coa lóxica de quen sabe quen é e por quen é; celebramos conscientes de que estes días son froito e parte da nosa tradición que, formada por persoas, camiña inseparablemente unida á nosa fe.
Para nós, Igrexa, estes días de festa teñen unha fonda significación que debemos manter co compromiso e o entusiasmo dos que nos precederon e desexaron poñer a Lalín e ás súas xentes baixo a protección da Virxe María na súa advocación de Nosa Señora das Dores. E para nós, Igrexa, son tamén, de feito, motivo para compartir, apertar e gozar coas persoas que, sen fe ou con ela morna, camiñan nesta historia e celebran tamén estas datas.
Elevamos a nosa pregaria á Nai do Ceo por Lalín e polas súas xentes lembrándonos especialmente de esas que, como o Noso Señor Xesucristo, están a padecer o sufrimento da cruz; pregamos por elas co desexo sincero de que nunca se saiban soas nesta terra, xa que hoxe e sempre están acompañadas polo tenro bastión desa Nai boa que non sabe senón amar a todos cun corazón tan grande que, nin agora nin nunca, caberá na igrexa parroquial do noso pobo. Por elas pregamos e tamén por cada un de nós, cristiáns, para que ese coitelo que traspasa o Inmaculado Corazón de María sexa transformado, co noso ben vivir, agarimo, respecto mutuo e crible devoción, nun bico solícito e leal a quen, sabemos, só desexa a nosa felicidade.
Co agradecemento aos que fixeron e fan esta terra que coñecemos e amamos, co recoñecemento cara as persoas que, con esforzo e abnegación, organizan estas festas e co pensamento en todas e cada unha das familias deste amado pobo, FELICES FESTAS DE NOSA SEÑORA DAS DORES!
Que a bendición de Deus todopoderoso, Pai, Fillo e Espírito Santo, descenda sobre Lalín, sobre ti e a túa xente; e permaneza para sempre. Amén.
Santa María das Dores, patrona de Lalín, mantén rexia a túa man sobre cada un de nós para que nunca nada sexa capaz de afastarnos do amor infinito que Deus ten á humanidade. E concédenos, aos que somos cristiáns, a graza de ser portadores da tenrura e misericordia divinas. Amén.