21 SEP 2019

Homilía Misa Maior Festas Patronais de Lalín

(Aínda que agora mesmo escampou, os destas terras sabemos que é probable que volva chover. Onte pensaba eu que os de aquí poderiamos acuñar un novo refrán que dixera algo así como «Chover choverá ou polas Dores ou polo Montserrat». Sabemos que se cumpre; sempre. Tamén este ano.)
Querido señor oferente:
Señor alcalde, conselleiro, concelleiros, autoridades:
Queridos sacerdotes, diácono e presbíteros:
Queridos irmáns e irmás:
Resgárdannos as paredes e a teitume desta igrexa que, como escribiu o veciño Antonio Vidal Neira, «preside a nosa vila con gran maxestosidade, como unha gran fortaleza, formando un dos conxuntos máis belos e acolledores de Lalín».
Unha igrexa que, ao longo de cen anos, foi fogar e testemuña de persoas que recibiron o baustimo, de namorados que casaron, de defuntos encomendados a Deus… Cen anos de acollida, de comezos, de pregarias, de agradecementos, de perdón. Cen anos de presenza real de Deus no corazón deste pobo, neste fogar.
E logo de cen anos seguimos mirándoa. Como dixo o noso bispo na celebración solemne do centenario, o pasado día de san Xosé, «é unha esperanza mirar á igrexa e pensar: pasan os anos, acontecen cousas pero o que está nas mans de Deus non se perde».
Celebrar as festas patronais neste ano do centenario da igrexa parroquial é unha oportunidade única para facer memoria de tódalas persoas que nos legaron o que temos condicionando o noso xeito de ser. Re-memorar a tantos homes e mulleres que sementaron con bondade para que outros fixeran a seitura. Para que logo outros mallaran e así, ao fin, os últimas, puideran aproveitar o froito.
Re-memoramos para dar grazas e tamén para que non se nos esqueza que nós tamén estamos chamados a sementar, a facer a seitura, a mallar… Porque a historia continuará, si, a Deus grazas, no noso propio tempo e máis aló.
A Virxe María represéntase na advocación das Dores cunha espada cravada no peito. Esta fai referencia ao profetizado polo ancián Simeón: «unha espada atravesará a túa alma».
Esta espada é imaxe da dor que produciu no corazón da nai máis santa da historia o sufrimento do seu fillo Xesús. Sufrimento froito dunha condena inxusta consecuencia do desexo de moitos de desfacerse de Aquel que, aos ollos deles, acomodados do seu tempo, era un insoportable soñador. Probablemente, Alguén «demasiado Home» e «demasiado Deus» para aqueles escravos do seu propio embigo que, satisfacendo os seus propios instintos e egos, coidaban de non perder as súas comodidades.
E un pode pensar agora: «xa que logo foi real a resurrección de Cristo, por que seguir falando da dor do corazón de María?». A resposta é sinxela: porque é a nosa nai. E como nai sofre na súa alma: os «descartes», como gusta dicir ao Papa Francisco, dos maiores e dos máis novos, o rexeitamento dos pobres, deses que non poden subirse ao carro dos que «vivimos ben», os aldraxes e maltratados aos que seguen a crer nese «insoportable soñador», as separacións dos que deberían amarse, a eliminación dos que «non poden vivir» e dos que «deben morrer»Esa dor permanece no corazón da nai porque son seus fillos.
E ese coitelo é tamén froito da dor que segue a producirse no corazón desa nai por mor dos que formamos a Igrexa. Esa dor que provocamos coa nosas faltas de caridade, co noso compromiso a medias, co noso empeño en poñer, no sitio do amor, a satánica trindade da violencia, a traizón e o diñeiro. A dor que producimos ao golpeamos uns aos outros, ao matarnos en lugar de querernos… A dor dos cristiáns que levan unha cruz ao peito só como unha fermosa xoia ou como un inerte amuleto.
Benquerido señor oferente:
Vostede pregaba na súa oración polas xentes de Lalín. Non dubide que a súa oración é escoitada e Nosa Señora seguirá a protexer ao noso pobo sempre, aínda que este chegase a esquecela. Nada verdadeiramente humano é estraño para Deus, El sabe do noso e El seguirá levando a historia e con El, a Virxe María.
Deus nos axude a todos a manter intacta esperanza, forte a fe e pronta a caridade. Así soñaremos, traballaremos e construiremos con sentido. Pode que nos toque sementar, ou quizais facer a seitura, tal vez mallar… Se obramos como os lalinenses de hai cen anos, sabendo que Cristo é o Único capaz de facer eterno todo o bo, seremos espectadores, dende o Ceo, dos habitantes deste lugar no vindeiro século. Darán tamén grazas polas nosas vidas. Oxalá. Si, dende o Ceo. Deus o queira, para proseguir vivindo. Como escribiu Rosalía de Castro:

Mas si cuando el dolor y la duda me atormentan, corro al templo, y a los pies de la Cruz un refugio busco ansiosa implorando remedio, de Jesús el cruento martirio tanto conmueve mi pecho, y adivino tan dulces promesas en sus dolores acerbos, que cual niño que reposa en el regazo materno, después de llorar, tranquila tras la expiación, espero que allá donde Dios habita he de proseguir viviendo. Marcos Torres, párroco