07 SEP 2018

"Non gustamos de agochar nin o que temos nin o que somos"

Xa é o quinto ano que podo celebrar contigo e nesta terra, a nosa, as festas na honra de Nosa Señora do Montserrat.
Neste tempo xa pasado, deixándome aprehender e atrapar polo xeito de ser das xentes de Donramiro, descubrín que formo parte dunha familia (iso é unha parroquia!) que respecta e vive a fe como de certo é: esa forza incapaz de agocharse entre as paredes dunha igrexa para reducila ao espazo do privado (que case sempre é sinónimo de extinto), ese motor vital que vai máis alá do puramente individual e conforma e solemniza a todo un pobo. Neste tempo descubrín unha comunidade (unha familia!) que vive a fe coa normalidade de quen a sente parte real da súa historia e a manifesta como un grandioso gozo interior que, vivido sen ambaxes nin sutilezas e moi lonxe de ser vergonzante, acompaña e aluma o camiño de cada persoa.
E así, con esta conciencia de ser portadores dunha fe recibida e traspasable que condiciona o noso xeito de falar, de pensar e de obrar, honramos un ano máis á protectora deste lugar: a nosa Nai do Ceo, a Virxe María, baixo a advocación do Montserrat.
“Os de Donramiro”, como acostumamos e acostuman a dicir, celebraremos un ano máis estas datas de festa; unhas festas que nos invitan a renovar o noso compromiso común de sermos homes e mulleres orgullosos do que temos e somos; incapaces, en todo caso, de prescindir de Deus. Cando hoxe, mañá e pasado escoitemos a música, as bombas, o bule bule propio duns festexos, saberemos, unha vez máis, que aquí non gustamos de agochar nin o que temos nin o que somos xa que logo, se o fixeramos, socavariamos a verdade traizoando o pasado da nosa cultura e da nosa xente (hipotecando imperdoablemente o seu futuro).
Outro ano máis, neste co condicionante das obras de rehabilitación da nosa igrexa parroquial, achegarémonos todos á Pena do Cesto, lugar coñecido por todos os dezaos, no que se atopa a capela-santuario de Nosa Señora do Montserrat. E alí, lembrando toda a tradición que nos sostén e baixo a ollada da singular imaxe da Virxe María que, con máis de trescentos anos de idade, preside o altar maior da capela, daremos grazas a Deus, presentarémoslle as nosas inquedanzas e pregaremos por todos e cada un.
Festas, ledicia e, por suposto, lembranza agradecida dos veciños e veciñas que finaron neste ano e que foron membros e benfeitores desta familia e desta terra.
Co desexo de que en cada fogar se vivan e gocen estas datas co orgullo e o respecto de saber que son algo noso, coa obriga persoal cara as xentes que forman Donramiro e que me concederon a honra de “ser de aquí”, co eloxio cara as mulleres que conforman a comisión de festas deste ano (que boa xente!) e co fondo agradecemento a Deus e á Igrexa: moi ditosas festas e que Nosa Señora do Montserrat nos garde e protexa!
Nosa Señora do Montserrat, roga por nós.