23 SEP 2018

"Pedimos a Nosa Señora que nos ensine a estar ao pé da cruz dos doentes, dos máis pobres e necesitados"

Señor oferente, autoridades locais, señor alcalde presidente do Concello de Lalín, excelentísimo señor Conselleiro da Xunta de Galicia, señor senador, señoras e señores concelleiros, membros da policía local, garda civil, irmás e irmáns todos:
Hoxe celebramos nesta parroquia de Lalín a solemnidade en honor da súa patrona: a Virxe María baixo a advocación de Nosa Señora das Dores. É esta, Lalín, unha parroquia das máis sinaladas entre as 1.139 comunidades parroquias que conforman a nosa diocese de Lugo. Por esta relevancia veño fondamente agradecido e ilusionado para estar con todos vostedes neste día e aproveito este momento para trasladarlles un saúdo afectuoso e un desexo sincero de felicidade de parte do noso bispo, don Alfonso.
En nome propio e en nome da Igrexa que peregrina nesta terra, agradézolle, señor oferente, esta sentida pregaria que acaba de dirixir á patrona desta vila. Pregaria na que vostede nos invita a lembrar e tomar conciencia do que debemos cambiar; pregaria que nos chama a recoñecer, sen medo, as estruturas e as actitudes que fomentan e sosteñen a inxustiza e a corrupción, tantas veces nacidas polo poder e o diñeiro, e que provocan unha fonda fenda na sociedade, de xeito que os pobres son cada vez máis pobres e, paralelamente, os ricos cada vez máis ricos.
As lecturas bíblicas que escoitamos hoxe non foron escollidas ex professo para esta celebración senón que escoitamos os mesmos textos que neste domingo se escoitan en toda a Igrexa Universal. O Libro da Sabedoría facía unha profecía fermosa afirmando que un Xusto sería sometido á afrenta e ás torturas xa que as súas palabras e a súa vida ofenden aos inxustos e poderosos; ese Xusto é Xesucristo, o Fillo de Deus. En toda a historia da humanidade, tamén hoxe, houbo , e hai, ataques inxustos, intrigas, loitas e maltratos, case todos motivados polo afán de poder. E tamén na Igrexa, xa dende as súas orixes: basta escoitar o Evanxeo de hoxe que nos narra como os Apóstolos, membros da gran escola do Mestre Xesús, preocupábanse por saber quen era o máis grande, o mellor, quen ía ser o primeiro no Reino dos Ceos. E ante esta ambición responde Santiago na segunda das lecturas ao afirmar que non sabemos o que pedimos, que pedimos mal porque facémolo só para satisfacer as nosas propias paixóns, ambicións, etc.
Lembremos a resposta de Xesús á petición dos Apóstolos: “O que queira ser o primeiro que sexa o servidor de todos” ou, o que é o mesmo, o que queira ser o primeiro que bique os pés dos irmáns e se poña a traballar pola xustiza e o ben de todos.
Señor Oferente, vostede lembraba na súa ofrenda algunha das preocupacións de Lalín e da sociedade en xeral: as desigualdades, as inxustizas, os egoísmos… que levan tamén a rexeitar aos que veñen de fóra, aos inmigrantes. Este rexeitamento non ten cabida nunca nun corazón cristián xa que logo e dignidade inmensa dos seres humanos é igual, sexan do lugar que sexan e sexan quen sexan, e ademais os nosos antepasados na fe, Israel, foron un pobo emigrante; e, por se isto non fose suficiente é preciso dicir que sería inaceptable en pobos que, como Galicia, foron emigrantes.
Lembraba tamén na súa pregaria aos velliños…
Nós non podemos desprezar e esquecernos dos nosos velliños porque aparentemente “non valen” porque xa non producen. Quen despreza aos maiores e aos febles, despreza os dons básicos do ben, da verdade e da bondade. Por iso nós debemos, sempre, tratar a todos, sexan estes quen sexan, como tratamos aos nosos seres máis queridos.
Pedimos a Nosa Señora, a Virxe María, a quen os pobos de Galicia honran de xeito singular, que nos ensine a estar ao pé da cruz dos doentes, dos máis pobres e necesitados, como estivo ela ao pé da cruz de seu Fillo. Deus non é un sádico que queira o sufrimento, senón todo o contrario: Deus é un Deus que quere acabar coa dor e desexa que nós, cristiáns, sexamos sempre redentores da dor na nosa casa, na nosa familia, no noso pobo, no mundo, sabendo que, ao final, o ben sempre trunfa e que o mal nunca terá a derradeira palabra.
Roga por nós, Naiciña do Ceo. Amén.
Pronunciada polo M.I. Sr. Dr. José Marío Vázquez Carballo, vicario xeral da diocese de Lugo.
Oferente: D. Rafael Cuiña Aparicio, veciño de Lalín.